O Servizo de Apoio á Empresa (SAE) é a entidade encargada de prestar un servizo integral de apoio á empresa, ao comercio e ás persoas emprendedoras do Concello de Santiago de Compostela.
O seu principal obxectivo é apoiar a creación e consolidación de empresas. Con esta finalidade pon á disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento, consolidación e crecemento dos seus negocios.
- Persoas emprendedoras.
- Comercios e empresas xa establecidas.
- Asociacións de comerciantes, profesionais e outras entidades.
O Servizo de Apoio á Empresa está situado na oficina que a Concellaría de Promoción Económica ten na rúa do Hórreo, número 100. A oficina permanece aberta ao público de luns a venres, de 8.30 h. a 14.30 h.
O Servizo de Apoio á Empresa ten establecido un sistema de cita previa. O teléfono de contacto é o 981 542 493. Tamén pode contactar co servizo a través do correo electrónico sae

santiagodecompostela.org.
O Servizo de Apoio á Empresa cubre as diferentes etapas polas que pasa unha empresa desde que ainda é un proxecto ata que xa está consolidada, coa prestación dos seguintes servizos:
- Información, orientación e asesoramento integral a persoas emprendedoras, comerciantes e empresarios/as en activo.
- Emprendemento: información e orientación sobre todos os aspectos relacionados coa constitución da empresa.
- Consolidación empresarial: acompañamento a empresas e comercios establecidos.
- Formación: mellora da profesionalización.
- Plan de formación continua.
- Realización de itinerarios formativos especializados.
- Servizo Local de Emprego. Intermediación laboral. Xestión de ofertas e demandas de emprego.
- Guía do Emprendendor Compostelán: contén unha completa información sobre como se elaboran plans de empresa, os trámites necesarios para a súa posta en marcha, formas xurídicas para constituila, e recursos e axudas coas que contan as persoas emprendedoras.
- Microguías de oportunidades de negocio: desenvolven estudos sobre proxectos empresariais con importante demanda en Santiago. Ademais, facilitan ás persoas emprendedoras información específica a partir da cal poden concretar aspectos fundamentais da empresa que ten pensado crear, xa que conteñen datos sobre o mercado, o produto, a clientela, as particularidades da actividade a emprender, e unha análise económico financieira da mesma.
- Guía de recursos para o sector comercial de Compostela: ofrece información sobre competencias, lexislación, calidade, axudas e recursos formativos.
- Guía de compras de Santiago de Compostela: recolle información prática sobre o sector comercial (horarios de apertura, festivos, periodos de rebaixas, etc.) e, ao mesmo, tempo, mostra a diversidade e riqueza do comercio compostelán.
- Diagnose da situación sobre o sector comercial e a hostalería
O Servizo de Apoio á Empresa conta con diferentes programas adaptados ás necesidades específicas das persoas emprendedoras, das empresas e/ou comercios de Santiago.
- Compostela Activa: cobre dun xeito integral as diferentes etapas polas que pasa unha persoa emprendedora deste que ten a súa idea de negocio ata que constitúe a empresa.
- Xornada Emprende en Compostela.
- Concurso de novas ideas empresariais.
- Axudas para a creación de novas empresas
- Viveiros de empresas.
- Viveiro de Empresas de Costa Vella: en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
- UNINOVA: en colaboración coa USC.
- Plan de mellora para os comercios en activo: asesoramento de balde sobre como mellorar a imaxe interior e exterior dun negocio e posterior convocatoria dun concurso de axudas
- Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping.
- Regalar custa pouco: programa de dinamización comercial que ten como obxectivo promocionar o comercio compostelán durante o Nadal.